Caen dúas persoas polo roubo de 1.800 litros de gasoil e 33 baterías de camións
Por Redacción
Doce roubos na comarca de Pontevedra. É o que lle atribúe a Garda Civil a dous homes de 50 e 31 anos, veciños de Cangas e Cesantes respectivamente. Acúsaselles de ser os autores da subtracción de preto de 1.800 litros de gasoil e 33 baterías de camións.
A investigación comezou tras a denuncia presentada o pasado mes de outubro polo propietario dunha empresa de Vilaboa.
Segundo explicou o instituto armado, o empresario asegurou que lle subtraeran o combustible dos depósitos do gasoil de varios camións que se atopaban estacionados no interior do peche perimetral da industria, así como baterías dos mesmos.
As gravacións das cámaras de vídeo-vixilancia da empresa facilitaron datos que, aínda sen ser de especial relevancia debido á deficiente resolución das imaxes, permitiron establecer unha liña de investigación para o esclarecemento dos roubos.
A Garda Civil puido comprobar que, tanto as características do vehículo como das dúas persoas que ven nas gravacións, correspondíanse cos ocupantes dun vehículo que fora interceptado o día 1 de xaneiro en Barro. No seu interior levaban seis garrafas baleiras, dous pasamontañas e unhas tenazas.
Tras a detención destes dous homes, os investigadores lograron relacionalos con cinco roubos cometidos en Vilaboa, dous en Ponte Caldelas, dous en Poio e un en Marín, Moaña e Cangas.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Cangas.