O 'Club Saltóns' busca devolver as zonas verdes da cidade aos máis cativos
Desde o Concello quíxose impulsar unha iniciativa dedicada ao lecer dos máis pequenos. Co obxectivo de aproveitar os espazos verdes existentes na cidade e fomentar o seu uso como zona de xogos para nenos, o concelleiro Alberto Oubiña presentou este venres o 'Club Saltóns', un programa de dinamización para menores pero dirixido tamén aos pais.
A primeira xornada dará o pistoletazo de saída o vindeiro luns 26 de marzo, nos xardíns de Belas Artes. Alí, os asistentes poderán afiliarse ao club, aprender a xogar con malabares, deseñar a súa propia careta de saltón e mesmo crear unha canción brincando e saltando, que será a banda sonora do proxecto.
De 16.30 a 20.00 horas, os nenos poderán gozar e interactuar entre eles e, dado que a presenza de nais e pais é imprescindible, tamén se deseñaron actividades para eles.
O Estudo Bonobo será o escenario elixido para o seguinte día de xogos, previsto para o xoves 29 de marzo. Esta sesión, a única prevista en horario matinal (de 11.00 a 14.00 horas), será unha continuación da xornada anterior. No estudo os nenos terán a oportunidade de gravar a canción composta durante o luns 26. A actividade será clausurada cun bocadillo de chocolate de merenda.
Para todo aquel que queira apuntarse, as inscricións gratuitas estarán abertas para cada xornada ata o día anterior da súa celebración, actividades que serán anunciadas previamente coa finalidade de que todos os menores pontevedreses poidan gozar desta iniciativa dinamizadora.