A Deputación asesorará os concellos da nova lei de contratos do sector público
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra ofrecerá asesoramento a todos os concellos da provincia ante a entrada en vigor este venres da lei de contratos do sector público que pretende reducir as cargas administrativas e axilizar os procedementos de contratación pública, reducindo en xeral os prazos de tramitación nunha aposta pola utilización de medios electrónicos, informáticos e tecnolóxicos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, reprochou que o Goberno do Estado "deu moi pouco prazo" para a entrada en vigor desta normativa e iso está a supoñer unha "enorme preocupación" nos concellos "sobre todo nos máis pequenos", porque "non teñen recursos suficientes para facer fronte a todo o que lles esixe a lei de contratos".
Carmela Silva lamentou que se aproben leis sen os recursos correspondentes para que os entes locais as poidan aplicar, por iso "unha vez máis a Deputación de Pontevedra ten que facer fronte a esta falta de recursos" para "facilitar" que se poida cumprir coa súa implantación.
"Imaxínanse vostedes que os concellos deixasen de contratar?", preguntou a presidenta provincial. "É un escándalo, así que nós non podemos deixar aos concellos da provincia sós", engadiu.
Máis dun centenar de funcionarios da Deputación recibiron formación específica para coñecer a nova lei, tamén se implantou unha nova plataforma para a licitación de todos os contratos públicos, adaptáronse os documentos e procesos para o uso desta plataforma electrónica e a propia web da institución, "que comezou hoxe a funcionar" e xa se informou a máis de 500 provedores habituais da institución dos cambios en marcha.
Ademais puxéronse a disposición dos concellos unhas plantillas cos modelos máis típicos de contratos, os técnicos da Deputación asesorarán os seus homólogos nos concellos de todas cantas consultas se expoñan.
A mediados de abril celebrarase unha xornada técnica cos concellos na que intervirán "os principais expertos técnicos do país en materia de contratación pública". A Deputación tamén organizará talleres personalizados para os técnicos municipais e responsables políticos para abordar esta nova normativa de maneira directa e con formación práctica.
Finalmente, este venres convocouse unha reunión para elaborar materiais adicionais de apoio aos concellos. "Unha vez máis a Deputación está a cubrir as competencias que non lle corresponden que son do Goberno do Estado", concluíu Carmela Silva. "Un desastre, que lle imos a facer".