Sanxenxo véndese no mercado xermano
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo participa xunto a un grupo de empresarios locais na promoción que se está a facer deste destino na Feira Internacional de Turismo de Berlín. Alemaña é o segundo mercado que máis peso ten na nosa comunidade autónoma.
Na feira de turismo ITB de Berlín preséntanse países, destinos, operadores turísticos, os sistemas de reservas, transporte, hoteis, e demais. É a terceira vez consecutiva que Sanxenxo asiste a esta feira.
Búscase un turista dun perfil particular, que non é outro que aquel que pode viaxar fóra de tempada de verán, co obxectivo de aumentar o número de visitantes que nos visitan fóra dos meses de xullo e agosto.
Durante a estancia, ademais da promoción, a delegación sanxenxina mantivo reunións con axencias alemás e puideron compartir sesións de traballo co Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, o conselleiro de Turismo en Berlín e a embaixadora de España en Alemaña.
Ao longo destas xornadas o Clúster do Turismo de Galicia desenvolveu preto de medio centenar de encontros con operadores turísticos do mercado xermano pertencentes a unha gran variedade de segmentos: turismo activo, enogastronomía, viaxes só para mulleres, slow travel ou xardíns, por citar algúns.
Ademais do Camiño de Santiago, que segue sendo un elemento tractor da oferta internacional galega, os profesionais alemáns demandaron novas rutas e novos produtos, que ofrezan programas completos para coñecer o destino Galicia.