Margarita Feijóo Lino, exemplo de loita e honestidade, homenaxeada no PSOE
Por Anxo Lourido
A sede do PSdeG-PSOE en Pontevedra encheuse ata a bandeira con dirixentes e afiliados do partido, ademais de amigos e familiares de Margarita Feijóo Lino, a militante homenaxeada neste 8 de marzo, Día da Muller. A presidenta da Deputación Carmela Silva e o secretario xeral dos socialistas galegos Gonzalo Caballero acudiron á cita entregando un ramo de rosas vermellas á veterana afiliada.
Margarita Feijóo foi en 1995 concelleira na corporación de Pontevedra ao sumarse á listaxe do PSOE que encabezaba Miguel Ángel Montero, quen tamén acudía a este acto de homenaxe felicitándoa cunha agarimosa aperta.
Tampouco faltaron representantes da asociación xitana. Margarita Feijóo foi creadora en 1980, xunto a María Cruz Tomé, da Asociación de Axuda aos Xitanos, oficializando o traballo que levaba desenvolvendo desde había anos de forma individual. Despois converteuse en presidenta da Federación Xitana de Galicia.
O seu traballo de axuda ao pobo xitano quedou de manifesto na loita contra a droga que afectaba a centos de mozos, fomentou programas de escolarización de menores, obradoiros de integración laboral e, ademais, centrouse especialmente na integración da muller xitana no mercado laboral a través de formación. Converteuse nunha loitadora defendendo a mulleres nunha sociedade patriarcal.
A actual secretaria local do PSdeG-PSOE, Maica Larriba, abriu o acto destacando a honestidade e a coherencia desta muller, que continúa en activo dentro do partido, como se puido comprobar co seu apoio ás candidaturas de Gonzalo Caballero e de Pedro Sánchez.
Co seu marido, o doutor Roberto Rey Cons, formou unha familia de dúas fillas e un fillo, nove netos e sete bisnetos, aos que inculca os valores do socialismo.