Buscarán o "máximo consenso" para cambiar Fernández Ladreda por María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño
A proposta para cambiar o nome á avenida Fernández Ladreda, que o goberno municipal quere cambiar por María Vitoria Moreno, buscará lograr o "máximo consenso" da corporación municipal de Pontevedra.
Alberto Oubiña, o concelleiro do BNG que este xoves presidiu a comisión de Cultura, xustificou desa maneira a decisión do goberno municipal de retirar da orde do día deste encontro a proposta para cambiar o nome da rúa.
Levarase igualmente, adiantou, ao pleno deste mes pero queda por ver se por moción de urxencia ou como acordo de toda a corporación, de varios grupos " ou só do BNG".
Oubiña reiterou que o BNG "non renuncia" á feminización do rueiro de Pontevedra, especialmente cando o nome dunha muller ilustre poida substituír a un "ministro fascista".
Iso si, rexeitouse a petición do PP para que sexa unha comisión de expertos a que analice os cambios que se queiran facer no rueiro. Non contou co apoio de BNG e PSOE.
Ademais, aprobouse a moción presentada polo PSOE para instar o Goberno central a mellorar o sistema de pensións e rexeitouse a petición do PP para redactar unha nova normativa que regule o uso das instalacións deportivas municipais.
Todo iso tratouse nunha comisión de benestar social, cultura e dinamización sociocultural convocada para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta coincidencia non gustou na oposición, que criticou que o BNG convocase esta sesión o mesmo día da folga feminista que se celebra en toda España.
Marea non acudiu á comisión e Cidadáns, PSdeG-PSOE e PP lamentaron que as concelleiras do BNG ausentáranse pero foran substituídas polos seus compañeiros homes para que a reunión puidese celebrarse.
Relacionadas:
-
28 rúas verán corrixidos os seus nomes ao detectarse erros nas súas denominacións no padrón
Por Redacción |
-
O Pleno de Pontevedra, unha homenaxe unánime a María Victoria Moreno e a súa "pegada" na cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
María Victoria Moreno terá rúa en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón deixar nas mans de expertos os cambios no rueiro
Por Redacción |
-
O cambio de nome da rúa Fernández Ladreda polo de María Victoria Moreno, a un só paso
Por Diego Espiño |