Ingresa en prisión, tras ser detido pola Garda Civil, un dos supostos atracadores dun estanco en Bueu
Por Redacción
Apenas unha semana despois, a Garda Civil logrou deter un dos supostos atracadores do estanco situado na rúa Banda do Río (Bueu), ocorrido o pasado venres. Trátase de M.R.C., de 42 anos e con domicilio na Coruña, ao que se lle imputa un roubo con intimidación pola súa participación nos feitos.
As investigacións viñan desenvolvéndose por parte do equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas desde o pasado día 19. Foi o día no que dúas persoas entraron en dito establecemento comercial, sacaron unha pistola e intimidaron ás dúas traballadoras do estanco, obrigándoas a entrar nunha habitación.
Encerráronas mentres roubaban ás súas anchas, principalmente o diñeiro que había na caixa recadadora e tabaco, tras o cal fuxiron a bordo dun vehículo.
O detido, que conta con antecedentes policiais, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Marín quen decretou o seu ingreso en prisión.
Continúanse coas investigacións polo que non se descartan máis detencións en relación co referido atraco.