Neste curso hai 578 alumnos e alumnas matriculados no programa para maiores da universidade
Por Oskar Viéitez
Neste curso hai 578 persoas matriculados nos ciclos intensivo e integrado no programa para maiores da Universidade de Vigo, 92 no campus de Pontevedra. Todos e todas atoparon, tras a súa xubilación, un punto de encontro, un lugar onde seguir formándose, ampliar horizontes e cultivar novas experiencias e relacións.
Estas aulas sénior botaron a andar en 2002 e, dende ese momento, a súa aceptación entre as persoas xubiladas foi crecendo ata consolidarse na actualidade con preto de 600 estudantes cada ano.
O programa impártese nos tres campus da universidade e comprende tamén actividades paralelas como excursións, visitas a museos, relatorios de persoeiros convidados, obradoiros prácticos, etc.
Dentro das visitas culturais, a máis recente, foi á exposición "In tempore Sueborum" que tanto éxito está a ter en Ourense. Un grupo destes estudantes senior desprazouse á cidade das burgas para seguir moi atentos as explicacións do responsable de comunicación da exposición, Jesús Manuel García, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, logo na Igrexa de Santa María Nai e finalmente no Museo Provincial.
O programa para maiores da universidade xorde como unha opción para a formación en todas as etapas da vida, e está pensado para as persoas que deixan a etapa laboral ou que consideran que poden compatibilizala a partir dos 55 anos cos seus estudos.
A falta de tensión polas cualificacións converte a docencia nun intercambio de coñecementos dinámico, comunicativo e cómodo, explican os docentes.