O skatepark das Lagoas xa está en óptimas condicións
Por Redacción
O Concello de Bueu xa rematou os traballos para acondicionar o skate park das Lagoas e resolver o mal estado no que se atopaban estas instalacións deportivas.
Alí instaláronse unhas pranchas nos módulos laterais de aceiro galvanizado, co obxecto de paliar as continuas roturas que se producían neste espazo tan utilizado pola mocidade da vila.
Esta actuación súmase á renovación da mini pista que se fixo hai dous anos e que supuxo a cobertura en fibra de vidro, cun orzamento total de 9.000 euros, financiada con fondos municipais.
Ademais, tamén quedou paliado o problema de iluminación que existía na urbanización das Lagoas, onde dende hai semanas os operarios municipais estaban traballando para atopar unha solución á continua falta de iluminación.
Ao final detectouse unha das causas que o causaba, a existencia dun cable trillado, que se atopaba en mala situación e facía que as luminarias se apagasen continuamente.
Dende o goberno confían en que o problema quedase definitivamente resolto a excepción de dous puntos no último tramo da vía de Ramón Bares con Johán Carballeira.