A organización de déficit de atención e hiperactividade intégrase no tecido asociativo da cidade
Por Redacción
A Asociación para o Trastorno por Déficit de Atención con ou sen Hiperactividade, ATDAHYNE, xa forma parte oficialmente do proxecto Hedra, que ten por obxecto consolidar o tecido social do Concello de Pontevedra impulsando e favorecendo o movemento asociativo que atinxe ao eido do benestar social.
Esta integración materializouse este mércores a través da sinatura por parte da presidenta da asociación, María Montserrat Álvarez Rodríguez, do protocolo de emprego de espazos para asociacións na Casa Azul, pertencentes ao programa Hedra, nun acto presidido pola concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouce.
Segundo informou a concelleira, a achega da Casa Azul basearase, fundamentalmente, en proporcionar e rendabilizar os recursos, como pode ser un local social, así como o emprego das súas instalacións, para acadar un efecto sinerxia aproveitando as redes de apoio con políticas axustadas ás circunstancias socioeconómicas actuais.
A presidenta de ATDAHYNE sinalou a importancia de integrarse no proxecto Hedra en tanto que "las sinergias que se crean son fundamentales" e explicou que a entidade xurde da necesidade das familias e nenos afectados de trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) de Pontevedra de asociarse para loitar conxuntamente polos seus dereitos.
Integrada por unhas 50 familias pontevedresas é unha asociación sen ánimo de lucro que promove o coñecemento da diversidade dos nenos con TDAH a nivel educativo e favorece a súa mellor integración social. Ademais, promove o coñecemento das súas necesidades dando resposta ás súas dúbidas a través dunha terapia que recolle tanto o apoio educativo como o lecer e o tempo libre, ademáis de formación para educadores, mestres, pais e nais.