Cerdedo triplicará as prazas de atención a maiores coa súa nova residencia
Por Redacción
Das 18 actuais ás 48 do novo equipamento. É o aumento de prazas de atención a maiores que permitirá a nova residencia pública da terceira idade de Cerdedo. Na súa construción, durante os próximos tres anos, a Xunta de Galicia investirá 1,7 millóns de euros.
A intervención proxecta unha construción anexa ao actual inmoble que comparten o fogar residencial e o centro de día. Este novo edificio complementario albergará a nova residencia,. Deste xeito, o actual inmoble quedará reservado en exclusiva para usos de centro de día e con capacidade para dar servizo a 30 persoas usuarias.
O convenio para a súa construción foi asinado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da xunta xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela López. No acto estiveron tamén o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, e o presidente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.
O investimento divídese en tres anualidades do seguinte xeito: 600.000 euros en 2018, outros 600.000 en 2019 e 500.000 en 2020.
O orzamento de licitación ascende a 1,5 millóns de euros, reservándose o resto do investimento previsto para as direccións de obra e o futuro equipamento deste novo fogar residencial.
No que atinxe ao emprazamento deste novo recurso residencial, ocupará dúas parcelas lindeiras co actual centro de día, unha das cales é propiedade do consorcio e a outra adquiriuna o concello e agora cédella á administración autonómica.
O titular de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou que esta actuación "é unha das máis importantes das que ten proxectadas o consorcio para os vindeiros anos no que atinxe a centros de maiores", ao tempo que sinalou que coa mesma se mellorará e ampliará a atención aos maiores de Cerdedo-Cotobade.
Nesta liña, apuntou que coa construción deste novo centro de maiores se incrementan os niveis de cobertura e se contribúe a mellorar as condicións de vida e sociais das persoas maiores que máis precisan de protección e coidados.