Amanda Sabarís, premio á traxectoria das mulleres en Sanxenxo
Por Redacción
Amanda Sabarís Rico, veciña de Portonovo e unha muller moi activa na vida social da vila, recibirá o Premio Honorífico á Traxectoria das Mulleres. Trátase dun galardón que busca facer visible, recoñecer e difundir a traxectoria persoal, social, cultural, profesional ou empresarial das mulleres de Sanxenxo.
A súa proposta fora presentada polo Taller de Memoria do Concello de Sanxenxo. Foi elixida polo xurado como gañadora entre as doce candidaturas ao entender que conxuga nunha única persoa todos os ámbitos que se queren recoñecer con este premio.
Nada en Portonovo en 1944, Amanda Sabarís, coñecida popularmente como Mandita, é a maior de cinco irmáns e nai de catro fillos.
Casou con 23 anos e dous anos despois xa tiña 3 fillos. Cando estes eran moi pequenos, tivo que deixar en Portonovo ao seu marido e irse a Madrid cos seus fillos para sacalos adiante e traballar na capital.
De volta no seu Portonovo natal, comezou o seu día a día de implicación para a sociedade. Así, ademais de traballar vendendo peixe, estivo en comparsas de entroido, nas que preparaban as mellores letras criticando aos diferentes gobernos e facendo da política local unha historia de entretemento.
Anos despois tomou a iniciativa empresarial de montar un negocio, o seu estanco e tenda de chucherías en Portonovo. Alí, ademais de comprar prensa e gominolas, maiores e pequenos xuntábanse para pasar os seus intres libres.
Formou parte da coral polifónica de Adina, e estivo nun grupo de teatro, onde preparaban obras e imitacións, que despois escenificaban para os visitantes e veciños de todo o municipio. Tamén estivo na asociación de mulleres rurais, onde compartía coas súas amigas as súas afeccións, a pintura e a poesía.
Ademais, viviu por e para o coidado dos seus, non só dos seus fillos, tamén do seu marido e de varios familiares, preto dos que estivo ata o seu final.
Pero sen dúbida a súa gran paixón foi a loita contra as drogas. A súa vida e a súa historia levárona a ser fundadora e presidenta de Avante, unha asociación de loita contra a drogadicción creada en Sanxenxo e que, ademais de organizar numerosas actividades, prestou axuda a numerosas persoas que sucumbiron á adicción ás drogas.
O premio entregarase o vindeiro xoves 8 de marzo, ás oito da tarde, no pazo Emilia Pardo Bazán.