Unha vez máis, e xa van catro, suspéndese o xuízo contra Rosa Charlín por branqueo
Por Alejandro Espiño
O xuízo contra Rosa María Charlín terá que esperar. Unha vez máis. A Audiencia de Pontevedra suspendeu, por cuarta ocasión, a vista contra a sobriña do histórico narcotraficante Manuel Charlín, acusada de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas. Antes de continuar, o tribunal deberá resolver unha serie de cuestións procesuais.
Os avogados dos outros tres acusados, o seu ex marido Jorge Durán -condenado xa por narcotráfico-, e o irmán e a nai deste, presentaron un recurso de súplica contra a decisión do tribunal de acumular as dúas causas que se seguen contra Rosa Charlín no mesmo procedemento, ambas as dúas procedentes dos xulgados de Vilagarcía.
Os letrados aseguraron que a unión de ambas as causas produce "indefensión" nos seus clientes, xa que nunha delas Rosa Charlín é a única acusada, polo que terían que enfrontarse no xuízo a probas achegadas nunha causa na que non estiveron persoados e sobre a que "no hemos presentado escrito de defensa ni practicado ninguna prueba".
"No se cumplen los requisitos mínimos para que, procesalmente, se pueda acumular las dos causas", engadiron os avogados, que advertiron que se a vista oral non se suspendía pedirían a nulidade do xuízo.
O fiscal do caso, Alejandro Pazos, uniuse á petición de adiamento, ao asegurar que "no es correcto" que os acusados tiveran que enfrontarse a dous escritos de acusación e que a acumulación de causas debería producirse antes de que o xuízo estivese sinalado.
De non suspenderse a vista, engadiu, "sería peor el remedio que la enfermedad" ao entender que a celebración "a toda costa" deste xuízo para "apurar un poco" e compensar os atrasos que se produciron na fase de instrución provocaría que o tribunal afrontase a "tesitura" de enfrontarse á nulidade de todo o proceso.
Con respecto a Rosa Charlín, o seu avogado defendeu que tampouco procedía a acumulación das causas pero, no seu caso, porque entende que a súa cliente debe ser xulgada por un único delito continuado de branqueo.
O avogado reiterou que a sobriña do histórico narcotraficante, que declarou hoxe ser inocente de todos os cargos, está acusada en ambas as causas dunha "pluralidad" de feitos cometidos"por la misma persona, las mismas sociedades y bajo el mismo comportamiento" e que, por tanto, teñen a mesma cualificación xurídica.
Rosa Charlín, segundo o letrado, "tiene derecho a ser juzgada en un solo procedimiento y tener una sola sentencia", ao considerar que a existencia de ambas as causas pode producir que se diten fallos "contradictorios" por parte do mesmo tribunal.
As penas solicitadas polo fiscal para Rosa Charlín en ambas as causas suman dez anos e medio de prisión e a metade para o resto de acusados.
Todos eles, segundo o ministerio público, ben persoalmente ou por medio de empresas vinculadas á familia Charlín, realizaron entre 1998 e 2002 unhas operacións económicas que non se correspondían cos ingresos declarados por eles nin cos rendementos ou as ganancias declaradas polas persoas xurídicas.
O incremento patrimonial non xustificado acumulado neses anos polos acusados, a través de si mesmos ou por medio de sociedades mercantís, superou os 2 millóns de euros.
Na outra causa, na que a acusación se dirixe unicamente contra Rosa Charlín, o fiscal entende que comprou diferentes propiedades con diñeiro cuxo orixe era "presuntamente ilícito e de procedencia descoñecida".
Rosa María Charlín, segundo os informes do fiscal, gastou case 550.000 euros entre 1999 e 2008 para comprar unha decena de propiedades inmobiliarias, coches ou obxectos de uso persoal á marxe do gasto do fogar familiar.
Os ingresos medios declarados pola acusada pola actividade das súas empresas durante 2001 e 2008 non foron superiores aos 30.000 euros anuais e, en relación ás operacións de compra realizadas, que financiou en parte cun préstamo bancario, a Fiscalía calcula que hai case 244.000 euros de orixe ou procedencia descoñecida.
As multas que pide a Fiscalía para a sobriña de Manuel Charlín na primeira causa é de 720.000 euros e para o conxunto de acusados na segunda, de 4.075.000 euros. Ademais, solicítase o comiso de todos os bens adquiridos de maneira ilícita ou, na súa falta, o pago do seu valor actual de mercado.
Relacionadas:
-
A Audiencia retoma o xuízo por branqueo contra a sobriña de Charlín
Por Oskar Viéitez |
-
Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspendido o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín para estudar a petición de nulidade da defensa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |