Un encontro multisectorial visibilizará en Ponte Caldelas o problema da violencia de xénero
Por David Arana
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O mércores 7 terá lugar en Centro Cultural de Ponte Caldelas un acto sobre a violencia de xénero con motivo da celebración do Día da Muller.
Este acto está organizado por "Somos Ponte Caldelas" e as asociacións "Mulleres rurais do Verdugo", "Mulleres rurais de Xustáns" e "Aires del Norte y Olé", e nel terá lugar a lectura dun manifesto relacionado co 8 de marzo, así como un acto vinculado coa campaña "Zapatos Vermellos" en condena contra o machismo e a violencia de xénero.
Ademais, tras isto celebrarase un encontro interdisciplinar no que se exhibirá un traballo audiovisual realizado por integrantes da plataforma "Somos Ponte Caldelas", que denuncia o silencio que sufriu a muller ao longo da historia.
O coloquio que terá lugar no acto estará aberto ao público e busca a participación dos cidadáns de maneira directa. Tamén contará con diferentes expertos no tema da violencia de xénero, como Paz Pérez Asorey, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller; Francisco Javier Quiroga Paredes, xefe do EMUME (Equipo de Muller-Menor) da Comandancia da Garda Civil; Francisco Javier Márquez, comandante da Garda Civil en Ponte Caldelas; Adriana Fontaíña, avogada do CIM da Lama; Galiza Aguete, psicóloga do CIM da Lama e os directores dalgúns centros educativos de Ponte Caldelas.
O acto é aberto e pretende ser eminentemente participativo establecéndose un diálogo directo entre os expertos e o público en xeral co fin de visibilizar o problema da violencia de xénero e servir de canle de comunicación entre a administración e os cidadáns para que flúa mellor a información e se poda contribuir a atallar esta lacra social.