As mulleres do goberno municipal pararán o 8 de marzo
Por Alejandro Espiño
As cinco concelleiras do BNG que integran o goberno municipal de Pontevedra confirmaron hoxe que secundarán a folga feminista convocada para o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Así, Carme da Silva, Carmen Fouces, Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Pilar Comesaña pediron á Xunta de Goberno que se lles desconte o salario correspondente a ese día de traballo, xa que baleirarán as súas respectivas axendas para participar en diferentes actos e concentracións convocados durante esta folga xeral.
Este paro, convocado en todo o país baixo o lema "Se nós paramos, para o mundo", reivindica a necesidade de promover cambios para conseguir a igualdade real das mulleres e os homes.
En nome de todas elas, Carme da Silva fixo un chamamento a todas as mulleres de Pontevedra para que secunden este paro, ante o "momento histórico" que vive a sociedade a este respecto.
Da Silva trasladou ademais a felicitación de todo o goberno municipal ante o "éxito" da manifestación celebrada este domingo en Vigo. Con ela, destacou, demostrouse que o feminismo "está máis vivo que nunca" e móstrase "con contundencia" na rúa.
A concelleira do BNG tamén celebrou o "compromiso" demostrado polas relatoras e polo público durante o congreso "As mulleres que opinan son perigosas", que tivo lugar en Pontevedra durante esta fin de semana.
Relacionadas:
-
A mulleres do goberno provincial secundarán a folga feminista do 8-M
Por Diego Espiño |
-
#VivasLibresUnidas - Paro por quendas para o 8-M para facilitar o seguimento da folga pola muller
Por Redacción |
-
RADIO.- En PontevedraViva Radio, o 8-M e as mulleres son as protagonistas
Por Redacción |
-
Contra o machismo nos medios de comunicación
Por Redacción |
-
RADIO.- Marzo chega con novo programa a PontevedraViva Radio: "Sangre fucsia"
Por Redacción |