O saneamento de Ardán estará rematado antes do verán
Por Redacción
O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, supervisou este mércores a execución das obras da rede de sumidoiros en Caños de Moledo, no Concello de Marín, que supoñen un investimento de 470.000 euros e que estarán rematadas antes do verán.
Trátase da cuarta obra que se executa das actuacións recollidas no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Marín e que implica un total de 7 actuacións que suman un importe de máis de 5,6 millóns de euros.
As obras, iniciadas no verán de 2012, son necesarias para dotar de drenaxe, saneamento, aparcamento e beirarrúas o lugar de Caños de Moledo, na parroquia de Ardán, na marxe esquerda da estrada PO-551, en case un quilómetro de lonxitude.
Instalarase un colector de pluviais e tamén un colector de augas residuais, un aparcamento en liña de 1,8 m de ancho, e unha beirarrúa con ancho variable. A rede de saneamento proxectada conectará coa existente, mentres que a actual rede de drenaxe verte directamente no río Loira.