300 voluntarios colaborarán coa organización do Campionato de Dúatlon
Por Redacción
Os preparativos para o Campionato de España de Dúatlon adquiren cada vez maior ritmo. Este mércores comezou a instalación do valado e sinalización necesarios para o desenrolo da proba deportiva prevista para o sábado 27 e o domingo 28.
Na organización colaborarán 300 persoas voluntarias procedentes da oficina de Voluntariado do Concello de Pontevedra, do centro penitenciario da Lama e de Protección Civil. Ademais, haberá tres unidades médicas e un hospital de campaña que se instalará na avenida de Bos Aires.
Segundo a Policía Local, en todo o percorrido serán colocadas preto de 450 vallas. Dende a páxina web do Concello Pontevedra, os cidadáns teñen acceso a información sobre os cortes de tráfico e zonas afectadas.
A edición do Campionato de España de Dúatlon é unha proba que pola súa dimensión , así como pola naturaleza e dureza das probas ás que se deben someter os participantes, entraña unha serie de riscos que é necesario prever para garantir unha atención sanitaria inmediata así como a evacuación en caso necesario.
Por outra banda, a transcendencia do evento fai augurar que no caso de boas condicións metrolóxicas exista unha afluencia masiva de persoas á cidade que se concentrarán as inmediacións daqueles lugares por onde discorra a proba.
O Concello de Pontevedra, como parte do comité Organizador do Campionato de España de Dúatlon, e as outras administracións públicas implicadas, teñen a obriga de garantir a realización da proba en condicións de seguridade. Polo tanto, procédese ao establecemento dun Plan de Seguridade que ten como obxectivo principal articular e coordinar o funcionamento dos distintos servizos asistencias e de urxencia para a atención de participantes, espectadores, veciños e bens, así cmo para garantir o correcto desenvolvemento das distintas probas que compoñen a competición.
Os eventuais riscos derivados da presenza masiva de espectadores, así como da súa acumulación en zonas sensibles serán igualmente obxecto de prevención no actual plan, xunto cunha serie de medidas preventivas que minimicen os riscos de suspensión das distintas competicións.
Igualmente, tendo en conta a considerable lonxitude dos viais pechados ó tráfico, a intensidade de vehículos que circulan polos mesmos, a súa categoría, así como a duración do peche haberá que ter en conta a posibilidade de eventuais necesidades de intervención dos diversos servizos de seguridade e, en consecuencia, ten en conta un plan de mobilidade para a atención destes riscos.