Sanxenxo ensinará como manexar os composteiros comunitarios
Por Redacción
A concellería de medio ambiente do Concello de Sanxenxo organizou un curso de formación básica en manexo de centros composteiros comunitarios dirixido a persoal municipal e da empresa concesionaria de residuos, quedando aberto ao público en xeral en caso de dispoñibilidade de prazas.
A parte teórica do curso será o día 6 de marzo no Pazo Emilia Pardo Bazán. Nela trataranse cuestións básicas do proceso de compostaxe, tipos de residuos compostables (características e limites), posta en funcionamento e distintas fases dos centros de compostaxe comunitaria, resolución de posibles incidencias e utilización do compost maduro.
Ao día seguinte realizarase unha parte práctica no centro de compostaxe comunitaria instalada no parque do Espiñeiro en Portonovo.
O curso será impartido por persoal especializado da Deputación Provincial, técnicos en residuos e mestres composteiros, e forma parte das accións enmarcadas dentro do Plan Revitaliza, como foi a posta en marcha do centro de compostaxe comunitaria no parque do Espiñeiro en Portonovo.
O centro de compostaxe comunitaria de Portonovo tivo moi boa acollida por parte dos veciños, que continúan realizando as súas achegas de restos orgánicos ao mesmo.
Os interesados en participar neste curso poden poñerse en contacto coa oficina de Medio Ambiente en Vilalonga ou chamar ao teléfono 986744909.