As diferenzas da CIG cos outros sindicatos impiden unha celebración conxunta do 1 de maio
Por Redacción
Un ano máis as diferenzas entre os principais sindicatos provocan que a CIG desenvolva en solitario os actos do 1º de maio, Día internacional da clase traballadora. Mentres UGT e CC.OO. van organizar unha manifestación conxunta, Rafael Iglesias, secretario comarcal da CIG expoñía que "cos recortes que hai e co que anuncian o normal sería que o sindicalismo estivera unido pero non só no 1º de maio senón nunha campaña no tempo de varios meses con concentracións unidas, mobilizacións... que tivera remate cunha folga xeral ou cunha grande manifestación". Non obstante, Iglesias comentou que aínda que existen temas "onde imos xuntos" se producen discrepancias en distintos conflitos e citou Avícola de Galicia, Enmacosa ou Trèves como exemplo e aclarou: "o que non queremos é ir unidos o 1 de maio e despois o día seguinte non estalo".
Por iso este primeiro día de maio, a CIG realizará unha manifestación propia que se dirixe contra o Partido Popular e a Unión Europea. O lema será "Menos dereitos, máis pobreza" e sairá ás 12 da mañá da Praza da Ferrería.
Os responsables sindicais indicaron que a situación económica nestes momentos é preocupante e dende os distintos gobernos, tanto autonómico coma estatal, non existe ningunha atención cara ao sector laboral. Segundo sinalaron Rafael Iglesias e Marcos Conde, non se esta creando emprego e os recortes están a afectar, sobre todo, á clase traballadora. Indicaron que a industria galega está a desaparecer e citaron os casos do naval e a pesca como sectores que están a ser desmantelados dende Europa.
Dende a CIG mesmo se está a estudar a opción de convocar unha folga xeral antes do verán se os próximos recortes resultan moi duros.