A Xunta contrata obras en Parada de Tenorio
Por Redacción
A Xunta de Galicia adxudicou o proxecto de mellora integral de vías e de servizos na trama interior do lugar de Parada de Tenorio, que contará cun investimento de 25.000 euros.
Por mor da contratación da obra, o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, realizou unha visita na zona xunto con técnicos da administración autonómica e da firma adxudicataria para perfilar todos os detalles da obra, xa que se trata dunha actuación con certa complexidade pola estreiteza viaria de gran parte do lugar e pola necesidade de encauzar os servizos.
Este grupo de traballo estivo acompañado por algúns veciños, que fixeron as súas suxestións para que se acometan pequenos axustes que mellorarán o proxecto.
A actuación, que comezará nas vindeiras semanas cando se rematen as análises técnicas e cesen as fortes choivas destes días, centrarase no ensanchamento e renovación do firme do principal camiño interno de Parada de Tenorio e na pavimentación e acondicionamento da canalización de augas pluviais do vial que exerce de ramal cara un lateral do lugar.
Cubela, que quixo destacar que o proxecto "vai moi ben perfilado xa que se atenderon as peticións veciñais", explicou que estas visitas técnicas "son de gran importancia, xa que serven para concretar detalles ata o último momento" e revelou que sobre a mesa quedou a posibilidade de retranquear un muro de pedra pousado sobre unha rocha "que pode mellorar a mobilidade, pero sobre o que aínda hai que determinar a viabilidade técnica".