Ao goberno local de Marín fáltanlle ideas, segundo o PSOE
Por Oskar Viéitez
O PSOE de Marín critica a "falta de ideas" do goberno local do Partido Popular para poder xestionar o municipio e repróchalles que lles "falta ter unha visión integral, moderna e transformadora" da vila para os próximos anos.
Nun comunicado os socialistas reprochan ao equipo da alcaldesa María Ramallo que non saiba afrontar "os proxectos que Marín precisa para os próximos 10 ou 20 anos".
O grupo municipal socialista reprocha aos membros do goberno local que non teñan decidido "onde pretenden situar o aparcadoiro soterrado, onde queren poñer o auditorio, nin cando van abordar a reforma da biblioteca municipal, nin o Museo do Mar, nin como van abordar a integración do Paseo Alcalde Blanco co centro urbano, nin que idea teñen para a antiga Casa do Mar, nin a ampliación do cemiterio ou o traslado do edificio de Aduanas", entre outros asuntos.
Finalmente, o PSOE local sinala o proxecto para o Parque Eguren, "que se limita á simple reforma do parque infantil" descartando outras ideas máis ambiciosas como un "aparcadoiro soterrado" ou a renovación integral en toda a súa superficie.