Os socialistas anuncian unha conferencia municipal na provincia para preparar as eleccións do próximo ano
Por Redacción
O secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia, David Regades, anunciou a celebración dunha conferencia municipal nos próximos meses para preparar o proxecto político provincial de cara as eleccións municipais do próximo ano.
Regades fixo este anuncio na celebración do primeiro comité provincial tras a súa renovación no pasado mes de decembro no congreso do PSdeG-PSOE da provincia. O primeiro comité, celebrado en Pontevedra, convocou a preto de trescentas persoas que son os novos membros deste comité que representan á totalidade das agrupacións da provincia.
O secretario xeral subliñou na súa intervención a necesidade de que todos os socialistas se poñan ao fronte das demandas da cidadanía "porque os nosos veciños e veciñas só teñen unha alternativa ao Partido Popular que somos nós".
Regades criticou a desbandada protagonizada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda "que fai uns meses anunciaba que viña a recuperar a Deputación de Pontevedra e agora xa din que o seu é só a Xunta. A Rueda non lle importa para nada a política municipal porque iso supón dar explicacións á cidadanía".