A Audiencia retoma o xuízo por branqueo contra a sobriña de Charlín
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra ten previsto retomar a partir do próximo martes día 6 de marzo un xuízo por un delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas.
Acúsase a Rosa Charlín, sobriña do histórico narcotraficante galego Manuel Charlín, de comprar diferentes propiedades con diñeiro presuntamente ilícito.
Segundo o escrito de cualificación da Fiscalía, afrontou gastos que sufragou con diñeiro de procedencia descoñecida, xa que cos rendementos declarados do seu traballo e os préstamos solicitados non lle alcanzaría.
Indica o Ministerio Público que a acusada foi condenada a nove anos de cárcere pola Audiencia Nacional por un delito contra a saúde pública, igual que o seu marido. O fiscal pide que sexa condenada a cinco anos e tres meses de prisión, multa de 720.000 euros e tres anos de inhabilitación para o exercicio da súa profesión ou industria.
Rosa Charlín tamén será xulgada por un segundo asunto, polo que está acusada xunto a outras tres persoas vinculadas á súa familia, de realizar entre os anos 1998 e 2002 unhas operacións de contido económico que non se correspondían cos ingresos declarados por estas persoas físicas nin cos rendementos ou as ganancias declaradas polas empresas das que formaban parte.
Por este asunto, o fiscal pide cinco anos e tres meses de prisión para cada un dos acusados, multa de catro millóns de euros e o comiso de diversos bens.
Estas causas proceden dos xulgados un e dous de Vilagarcía.
O xuízo contra Rosa Charlín foi suspendido ata en tres ocasiones. A razón do último adiamento, en outubro de 2017, foi que o fiscal negociaba un acordo de conformidade cos avogados da acusada e doutras dúas persoas que, xunto a ela, están imputadas noutro procedemento por branqueo.
Agora acumúlanse as dúas causas nun único xuízo.
Relacionadas:
-
Unha vez máis, e xa van catro, suspéndese o xuízo contra Rosa Charlín por branqueo
Por Alejandro Espiño |
-
Non hai dúas sen tres: suspenden de novo o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspendido o xuízo por branqueo contra Rosa Charlín para estudar a petición de nulidade da defensa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rosa María Charlín, de novo ante a Audiencia acusada de blanquear cartos da droga
Por Redacción |
-
O fiscal rebaixa de seis a cinco anos a petición de condena para Jorge Durán por tráfico de drogas
Por Natalia Puga |