O mar asolaga a autovía de Marín
Por Redacción
A coincidencia da pleamar en mareas vivas, coas intensas choivas e o forte vento, provocou que o mar alagase un tramo da Autovía de Marín.
A Garda Civil viuse obrigada a cortar un carril de circulación ao redor das 18.00 horas deste venres.
A auga alcanzou aos vehículos que circulaban polos catro carrís. Este incidente provocou un gran atasco de vehículos, con embotellamentos que chegaron ata a zona de Cantodarea.
Os Bombeiros de Pontevedra interviñeron para achicar a auga.
A dirección xeral de Emerxencia e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por un temporal costeiro e de vento en mar desde a mañá deste venres e que afecta as provincias da Coruña e Pontevedra.
COMBARRO
Alén da ría o mar alagou as rúas de Combarro na primeira liña de costa. Esta circunstancia non produciu danos de relavancia, segundo informou a Policía Local.
PONTE SAMPAIO
A Policía Local de Pontevedra alertou de problemas para circular na contorna de ponte de medieval de Pontesampaio debido ao desbordamento do río Verdugo na súa desembocadura
MARÍN
No recinto da Escola Naval Militar o nivel da auga chegou a superar ao do peirao no que estaban atracados algúns barcos.
RÍA DE AROUSA
A situación repetiuse na ría de Arousa. Rexistráronse incidentes menores en localidades como O Grove, onde a auga alagou a estrada do barrio de Rons e a contorna de Lordelo.
Na Illa de Arousa, o mar tragouse varias praias como a do Bao, cubriu o paseo marítimo do Cantiño e chegou ás portas dalgunhas casas da praza do Regueiro e O Portiño.
En Vilagarcía, vixiábase especialmente o nivel da auga en Carril e Vilaxoán, do mesmo xeito que o do río do Con, sen que se rexistrasen danos.