Galipedia, premio Xoán Manuel Pintos 2018, xa recolle información de todas as parroquias da provincia
Por Redacción
A Galipedia, a wikipedia en lingua galega, obtiña nas últimas horas o Premio Xoán Manuel Pintos de Normalización Lingüística que concede o Concello de Pontevedra. Esta enciclopedia na súa versión galega leva quince anos en desenvolvemento contando coas achegas dun voluntariado formado por milleiros de persoas.
Actualmente, Galipedia ocupa o posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, sobre un total de máis de 280 linguas. Suma case 150.000 artigos e máis de 150 de calidade, ao ser destacados pola comunidade como os mellores traballos do proxecto.
Trátase tanto de traducións de artigos de Wikipedias máis grandes como algúns propios de Galipedia. As temáticas que se abordan van desde a historia, as artes ou a xeografía ata a medicina, as ciencias exactas e outros contidos tanto vistos desde a perspectiva galega como universal.
A provincia de Pontevedra, do mesmo xeito que a da Coruña, xa conta con información completa de todas as súas parroquias. Galipedia supera os 3.500 artigos de parroquias de Galicia, con máis de 3.000 fotografías realizadas por persoas que as achegan con licenzas libres, segundo indica Adrián Estévez Iglesias, colaborador de Galipedia e columnista en PontevedraViva.
Con motivo do 15 aniversario as persoas que colaboran na creación desta gran enciclopedia galega teñen previsto levar a cabo o primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller. Será o 10 de marzo en Ourense cun obradoiro de introdución á edición e, a continuación, un wikimaratón para crear artigos de biografías de mulleres destacadas, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
Galipedia, como versión galega da Wikipedia, mantén o formato colaborativo e gratuíto, co obxectivo de ofrecer un contido libre, obxectivo e verificable que se poida editar e mellorar por parte de calquera colaborador. Todo o contido está dispoñible baixo a licenza Creative Commons CC-BY-SA e pode ser copiado e reutilizado baixo esta mesma licenza.