A Garda Civil investiga un veciño de Marín como suposto autor de varios roubos en vehículos
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Marín como presunto autor da subtracción de efectos no interior de vehículos estacionados na vía pública: un deles no municipio de Cotobade e dous máis na Lama.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as pescudas levadas a cabo polo equipo de investigación da Garda Civil de Pontevedra iniciáronse o pasado día 23 por mor da subtracción dun bolso do interior dun vehículo que se atopaba estacionado nas inmediacións dun centro escolar na parroquia de Tenorio.
O autor aproveitou que a nai dun neno que levara o seu fillo ao colexio deixou o coche estacionado coas portas sen pechar con chave e subtraeulle o bolso do seu interior.
As indagacións realizadas puxeron aos investigadores sobre a pista dun vehículo sospeitoso que merodeaba pola zona ao que se lle puido relacionar con outro feito de similares características que se cometeu dous días antes noutro vehículo estacionado nas inmediacións dun colexio do municipio da Lama.
A investigación concluíu coa identificación e localización do presunto autor, un veciño de Marín, M. M. R., de 49 anos, ao que ademais se lle recoñece como suposto autor dun roubo no interior dun vehículo, cometido o mes de xullo do pasado ano, nas proximidades da praia fluvial da Lama. Nesta ocasión o autor tivo que romper unha dos portelos do coche para subtraer o bolso do seu interior.
As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de instrución de garda de Pontevedra, onde deberá comparecer, cando sexa citado, en calidade de investigado como suposto autor de dous delitos de furto e un de roubo.