Chamada de atención para que Pontevedra se una á folga de mulleres
Por Redacción
A brecha salarial, as condicións laborais e a discriminación, entre outras desigualdades que sofren as mulleres, son as razóns do chamamento á folga que fixo a Confederación Intersindical Galega (CIG).
Ás 12:00 horas un grupo de delegados deste sindicato concentrábanse na rúa Benito Corbal de Pontevedra para chamar a atención da cidadanía e que se some ao paro, con motivo do Día da Muller que se celebrará o 8 de marzo. Os manifestantes tiñan idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos, cun maior número de homes, máis da metade.
Ao berro de 'igual traballo, igual salario', os manifestantes lembraban que as mulleres cobran menos que os homes estando no mesmo posto de traballo.
Exactamente, esta brecha salarial ascendeu ao 22,3% en 2016 segundo a Axencia Tributaria. As mulleres galegas cobran, de media, 4.513 euros menos que os homes ao ano. No caso das pensións, a brecha salarial é aínda maior, as mulleres cobran un 37,9% menos que os homes, o que supón 394,65 euros brutos menos ao mes.
En 2017, o 21,8% das mulleres traballaban a xornada parcial, mentres que só un 6% dos homes facíano. Este dato reflicte a dificultade das mulleres para acceder a un contrato laboral de xornada completa.
Co cántico '8 de marzo, folga de mulleres', os manifestantes tentaban chamar a atención das persoas que acudían a realizar as súas compras na zona de máis actividade comercial da cidade.
Relacionadas:
-
#VivasLibresUnidas - Paro por quendas para o 8-M para facilitar o seguimento da folga pola muller
Por Redacción |
-
RADIO.- En PontevedraViva Radio, o 8-M e as mulleres son as protagonistas
Por Redacción |
-
Chamada de atención para reivindicar os dereitos da muller
Por Gabriela Varela Asorey & David Arana |
-
A visibilización do papel da muller no deporte centrará os actos do 8 de marzo en Marín
Por Redacción |