Suspenden o xuízo contra Sito Miñanco para estudar a posible recusación do tribunal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O xuízo que comezou este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra contra José Ramon Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, quedou suspendido ata novo aviso. O motivo é que o tribunal admitiu a trámite unha petición realizada por dous dos avogados personados na causa para que se recuse a dous maxistrados e agora será necesario estudalo.
Mentres tanto, Sito Miñanco mantén a folga de fame que comezou o pasado sábado á súa chegada á prisión da Lama tras ser trasladado desde o cárcere pontevedrés de Alcalá Meco polo "trato vejatorio" recibido durante a viaxe a Galicia e ao ser internado nunha cela de illamento, decisión que considera "absolutamente infundada".
Tras cinco días de folga de fame, a súa saúde empeza a resentirse e o seu avogado, Gonzalo Boye, móstrase "preocupado", pois é unha persoa hipertensa e diabética e estes días está a ter a tensión "por las nubes". De todos os xeitos, el xa anunciou que seguirá coa súa actitude ata que a prisión cambie o seu tratamento en prisión e deixe de estar illado.
Este illamento motiva que non teña televisión na súa cela e este mércores impediu que vise a serie de Antena 3 e Bambú Producións Fariña, que versa sobre a súa vida e a historia do narcotráfico en Galicia. A decisión de darlle este tratamento está recorrida tanto ante a Dirección Xeral de Institucións Penais como ante a xuíza da Audiencia Nacional que ordenou a súa prisión preventiva e o Xulgado Central de Vixilancia Penal.
Estaba programado que o xuízo se retomase este xoves coa declaración de Sito Miñanco e os outros catro acusados nesta causa, pero xa non chegou a comezar a vista oral porque entre este mércores e primeira hora da mañá deste xoves presentáronse na Audiencia dous recursos pedindo a recusación de dous maxistrados.
Estes recursos presentáronos os avogados de Miñanco e da súa filla, Rosa María Prado Pouso. Pediron que dous dos tres maxistrados que compoñen o tribunal que empezou a xulgar o caso sexan recusados porque no ano 2011 adoptaron decisións relacionadas coa instrución desta causa, o que motiva que se viron contaminados por un coñecemento previo dos feitos e non pode garantirse a súa imparcialidade.
O avogado de Sito Miñanco, que foi o primeiro que xa anunciou que pediría a recusación dos maxistrados Xosé Xoán Barreiro e María Rosario Cimadevila, aplaudiu este xoves que o tribunal decidise "con buen criterio" admitir a trámite a súa petición. Lembra que ao admitila "no significa darnos la razón", pero si que se abre unha peza de recusación que agora "tardará un tiempo en resolverse", pois primeiro deberán ser trasladados ás partes para que fagan alegacións e logo conformarse unha nova sala para decidir sobre o particular.
Este novo tribunal da Audiencia Provincial deberá decidir se hai motivo para esa recusación e, no caso de que considere que si, deberá conformarse unha nova sala para xulgar a Sito Miñanco e á súa filla, Rosa María Prado Pouso; a súa ex muller, María Rosa Pouso Navazas; a irmá desta, Josefa Pouso Navazas; e un suposto home de palla, José Alberto Aguín Magdalena, acusados todos dun delito de branqueo de capitais polo que o fiscal lles pide seis anos de prisión e dez millóns de euros de multa.
Gonzalo Boye considera que con este recurso"estamos planteando algo bastante importante, que es el derecho al juez imparcial" e aplaude que os tres maxistrados que conforman a sala "como buenos conocedores del derecho, lo que han adoptado es una resolución para curarse en salud y que no se cuestione la imparcialidad". Respecto diso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) explica que o tribunal decidiu suspender "por prudencia" e este letrado valor que "están siendo cautos y me parece que es la mejor resolución que podemos adoptar".
A recusación baséase en que dous dos maxistrados que están na sala neste xuízo, Barreiro e Cimadevila, estiveron no pasado noutras decisións sobre esta causa. Unha é unha cuestión de competencia sobre que xulgado debía instruír a causa, Vilagarcía ou Cambados, e a outra unha resolución sobre unha nulidade na que non se citaron ás partes á vista, senón que só ao fiscal. "Se generó una indefensión y se vulnera una norma esencial del procedimiento. Debería ser otro tribunal el que resolviese si ellos actuaron correctamente", explica.
Alejandro Veiga Vázquez, avogado de María Rosa Pouso, ex muller de Miñanco, anunciou que se sumarán á petición de recusación, que se basea en que os maxistrados "podrían tener una influencia en su criterio previo y quizás condicionarles para conocer el asunto". "Entendemos que deberían apartarse y que fuesen otros magistrados los que integrasen la sala", valora.
Relacionadas:
-
Sito Miñanco chega ao cárcere da Lama unha semana antes de ser xulgado por branqueo na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
O xuízo por branqueo de capitais contra Sito Miñanco retomarase o 25 de outubro na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
O TSXG rexeita as recusacións de Sito Miñanco e a súa filla contra dous maxistrados da Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco deixa A Lama e trasládano á prisión de Alcalá Meco
Por Natalia Puga |
-
Xuízo contra Sito Miñanco: cando avogado e acusado rivalizan en flashes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un xuízo baixo a sombra de dúas folgas: unha xudicial e outra de fame
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O avogado de Sito Miñanco acusa o tribunal da Audiencia de non ser "imparcial" e o fiscal de "machismo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco, en folga de fame na prisión da Lama
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco, ante a Audiencia: enfróntase a seis anos de cárcere por blanqueo
Por Redacción |