Poio presenta un Plan de Igualdade "realista e viable" establecendo obxectivos "que se poidan alcanzar"
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Igualdade, Rosa Fernández, xunto á directora do Centro de Información á Muller, Raquel Morales, e a psicóloga deste centro Lidia Fazanes, compareceron este mércores en rolda de prensa para presentar o terceiro Plan de Igualdade do Concello de Poio.
Este plan elaborouse grazas a unha subvención da Deputación de 4.472,16 euros e a achega de 609,84 euros por parte das arcas municipais.
Este terceiro plan foi redactado pola empresa Avalia Grupo de Coordinación, S. L. seguindo unha metodoloxía participativa, tendo en conta as conclusións achegadas polo diagnóstico sobre a situación de mulleres e homes da localidade, os resultados e recomendacións da avaliación do anterior plan e a participación activa do persoal técnico municipal, político e axentes sociais.
Trátase dun plan "realista e viable" establecendo obxectivos "que se poidan alcanzar", evitando a consideración de metas demasiado amplas que non sexan factibles na realidade do municipio, "aberto e flexible" que permite axustarse á realidade e amoldarse en función das necesidades e novas posibilidades que poidan xurdir, e "dinámico", que será progresivo e sometido aos cambios necesarios para adaptarse ás necesidades locais do momento.
Está estruturado en tres áreas estratéxicas de intervención: sensibilización e participación en igualdade de oportunidades, emprego e conciliación da vida laboral, persoal e familiar e prevención e erradicación das violencias machistas
Este plan pasa por ser unha continuidade do anterior, "xa que o logro da equidade de xénero debe entenderse como un traballo estable e continuo ao longo dos anos", ao mesmo tempo que incorpora novos elementos detectados ao longo da avaliación do traballo xa desenvolvido ata agora.