Cubela e Balseiros xestionan en Madrid novos incentivos para o proceso de fusión municipal
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de beneficiarse de xeito importante polo seu proceso de fusión municipal por parte da administración central, xa que tense aumentado a contía da participación dos ingresos do Estado nun 20% con respecto ás cifras que se percibían por separado e ademais concedéronselle en dúas ocasións consecutivas as liñas de axudas do Plan PIMA Residuos.
Nembargantes, o presidente e o vicepresidente municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, queren seguir espremendo ao máximo todas as posibilidades que ofrece este proceso, tendo en conta que só se produciron dous en España no presente século.
Porén, ambos veñen de manter unha importante reunión no Ministerio de Presidencia, en Madrid, para tratar de xestionar novos incentivos, subvencións e plans de desenvolvemento. Os seus interlocutores foron o secretario de Estado para as Administracións Territoriais, Roberto Bermúdez de Castro, e o director xeral de Relacións coas Comunidades Autónomas e Entes Locais, Enrique Lasso.
Nesta xuntanza, ambas partes analizaron o proceso de fusión municipal desde o seu inicio en febreiro de 2016 e chegouse a un consenso xeralizado de que o resultado é "máis que satisfactorio".
Sobre a mesa tamén estiveron diversas propostas dos mandatarios locais para que as fusións aínda conten con máis incentivos cun concepto de discriminación positiva nas distintas convocatorias e ordes de axudas do Goberno de España, para o cal analizáronse en profundidade todas as posibilidades do artigo 13 da Lei de Bases de Réxime Local, que é o que regula estes procesos.
Cubela e Balseiros amosaron a súa satisfacción polo encontro e emprazáronse cos seus interlocutores a manter un contacto periódico para seguir avaliando a traxectoria do proceso de fusión e as opcións de contar aínda con máis fondos nos plans e liñas deseñados pola Administración Xeral do Estado.