Dous centros pontevedreses entre os gañadores do certame VindeVídeos
Por David Arana
Este martes 27 de febreiro realizouse a entrega de premios do certame de dinamización lingüística VindeVídeos aos centros que se fixeron con estes galardóns durante o mes de xaneiro tal e como se atopaba estipulado nas bases do concurso.
Os representantes dos centros CEIP do Carballal de Marín, IES Francisco Asorey de Cambados, CEIP Ortigueira de Vedra e CMUS Xan Viaño de Ferrol asistiron ao acto de entrega no Museo do Mar de Galicia, no que o centro cambadés alzouse co primeiro premio na categoría de educación secundaria e especial, e o centro marinense conseguiuno na categoría de infantil e primaria.
A entrega de premios tivo lugar dentro da programación organizada pola Consellería de Cultura e Educación en torno ao Pergamiño Vindel que se atopa exposto no Museo do Mar, e nela o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, encomiou a alta calidade, tanto técnica como lingüística, dos traballos gañadores.
Os alumnos destes centros, cuxos traballos se coroaron entre 58 propostas procedentes de 44 escolas de toda Galicia, visitaron durante a tarde do mesmo día a illa de San Simón como parte do premio do certame.