Absolven un home acusado de tres incendios preto da súa casa
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu absolver o veciño da localidade pontevedresa de Covelo José Luis C.O., xulgado o pasado mes de decembro como suposto responsable de provocar tres incendios en agosto de 2016 que se aproximaron perigosamente ata as casas dunha aldea.
A acusación contra este home baseábase no relato de dous veciños de Covelo que pediron ser considerados testemuñas protexidas, pero o tribunal da Audiencia Provincial non considerou que fora proba de cargo suficiente, de modo que acordou a súa absolución. Contra esta resolución hai posibilidade de recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A sentenza da Audiencia argumenta que os únicos elementos que apuntaban a autoría do acusado eran as dúas declaracións desas dúas testemuñas e que a mera audición das súas declaracións determina a necesidade da absolución, pois "nin un nin outro afirmaron que observaran ao acusado cometer o feito".
Ao respecto, argumenta que o que observaron eses veciños é que o acusado estaba nun lugar no que era posible que o fora. O que se conclúe de escoitar a ambas testemuñas é que tiveron unha sospeita e que a trasladaron cumprindo así cunha obriga cívica que non se lles pode reprochar. Pero, a partir desa sospeita, non se identificaron outros elementos que a viñeran confirmar.
Ademais, engade que non se valorou se a situación médica e idade do acusado realmente permitiríalle o conxunto de movementos descritos na hipótese da acusación e lembra que os lumes se situaban cerca da súa propia casa sendo de difícil explicación que pretendera prexudicarse a si mesmo.
O fallo xudicial conclúe como feitos probados que o día 9 de agosto de 2016 na parroquia de Piñeiro, en Covelo, produciuse un lume que se iniciou en tres focos. Na zona coñecida como Os Carballos, pola parte de abaixo do núcleo de poboación, existiron dous. Un non chegou a alcanzar moita intensidade e apagouse antes da chegada dos efectivos que acudiron ante a chamada da veciñanza. O segundo foi na mesma zona e si prendeu e adquiriu forza. O terceiro, a uns 800 metros, na zona coñecida como Os Outeiros na parte alta tamén chegou a adquirir forza.
Aquel día facía un vento especialmente intenso, facía o calor propio da época e a humidade relativa era propicia para que o lume prendera. O lume iniciouse ao redor das 22.00 horas dese día seguindo a secuencia de aparición dos dous focos. Sobre as 14:40 horas do día seguinte foi controlado, pero sobre as 16.00 horas dese día volveu brotar o lume, que se conseguiu controlar definitivamente sobre as 21.30.
O acusado é veciño desa poboación, e no día do incendio, tras a aparición do lume na zona de Os Outeiros, atopábase saíndo dun camiño que é usado para acudir a ese lugar, sendo observado alí por dous veciños da zona. Estes veciños estaban atendendo ao lume que aparecera en Os Carballos, e, ao observar lume na zona de Os Outeiros acudiron a esa saída do camiño.