Ponte Caldelas denuncia a existencia de "instrucións internas" na AXI para "contribuír a enganar aos veciños"
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas, gobernado pola coalición formada entre PSdeG-PSOE, BNG y AVP, denuncia a existencia de documentos, dentro do proxecto das obras de ampliación da PO-230, entre Serrapio e Vichocuntín (Cerdedo-Cotobade), que destapan a "rede clientelar e caciquil da Consellería de Infraestruturas e algúns alcaldes do PP para reducir as obras de mellora na rede secundaria de estradas autonómicas aos concellos gobernados por este partido".
Nun comunicado, o goberno caldelán afirma que o proxecto evidencia que a Consellería disponse a expropiar varias parcelas, forzada pola negativa dun grupo de veciños, que se negou a asinar diante do ex alcalde e actual deputado autonómico, Xosé Balseiros, os "papeliños" de supostas cesións dos terreos afectados a ese concello.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que mentres a Xunta de Galicia négase a acometer as necesarias obras da perigosa e transitada estrada autonómica PO-234, que une Ponte Caldelas con Augasantas, "non ten inconvinte en expropiar os terreos que a rede caciquil do PP non foi quen de acadar en Cerdedo".
Segundo o goberno local, a Consellería de Infraestruturas ven alimentando dende 2016 unha polémica co Concello de Ponte Caldelas "tratando de culpalo de non ceder as 99 parcelas afectadas polas obras da PO-234".
Ponte Caldelas propuxo un convenio polo que achegaría 40.000 euros para pagar os terreos, converténdose deste xeito no primeiro municipio español en asumir integramente as expropiacións dunha estrada autonómica. O proxecto acabou calculando o custo das expropiacións en só 29.812 euros, mesmo inferior aos 40.000 euros ofrecidos polo Concello. A Consellería comprometeuse a iniciar as obras en 2017, pero, a día de hoxe, seguen bloqueadas.