Pontevedra colocará lombos e ampliará as zonas peonís nun tramo da vía do Xistro
O Concello de Pontevedra anunciou este martes 27 de marzo a aprobación das obras nun tramo viario do Xistro, en Salcedo. Con ela preténdese mellorar a seguridade peonil e o calmado do tráfico.
O tramo comprende a estrada do Ruibal (EP-0013), que ten acceso por Mollabao a Ruibal e cara Salcedo, empatando co viario de acceso á Brilat. A actuación centrará as súas melloras, sobre todo, en dúas pontes que pasan por encima da AP-9, a primeira que conecta con Marín e a segunda con Vigo. Nelas procederase a un ensanche da zona para o paso de peóns, que actualmente non excede os 1,25 metros a cada lado.
Como consecuencia, darase unha redución do espazo destinado aos coches, que na actualidade comprende os 8 metros. Os vehículos terán que circular nun espazo de 6,50 metros, deixando 2,5 e 1,5 metros aos peóns aos lados da vía. Esta redución terá como consecuencia, segundo explica o delegado da parroquia de Salcedo, Alberto Oubiña, unha mellora do calmado do tráfico e o incremento da seguridade dos viandantes, que estarán máis protexidos.
Ademais, nos 700 metros de percorrido, procederase á colocación de lombos e a recuperación dunha senda de circulación que quedou eliminada tras unhas expropiacións no tramo, e que permitirán o paso dos veciños da parroquia.
O proxecto terá un custo de 240.800 euros, e á falta da autorización por parte da Deputación de Pontevedra, daría o seu inicio canto antes este ano. Na vindeira semana tense prevista unha reunión cos veciños do Xistro para poñerlos en coñecemento das obras.
Esta actuación, como explica o concelleiro de Obras e Participación, Demetrio Gómez, compleméntase coas 29 obras executadas en 13 das 15 parroquias pontevedresas no contrato de sostemento de espazos públicos. Nel destínanse 250.000 euros ao ano a obras como a mellora de accesos a través de pavimentacións de carreiros en Salcedo ou a reparación de beiravías afectadas por desprendementos de terra en Pintos.