O avogado de Sito Miñanco acusa o tribunal da Audiencia de non ser "imparcial" e o fiscal de "machismo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O histórico narcotraficante de Cambados José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, sentou este martes por primeira vez ante un tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra. No pasado estivo nunha comparecencia nesta Audiencia, pero nunca foi xulgado. Nesta primeira vez fíxoo ante a Sección Segunda con motivo dun xuízo que se retomará o xoves e no que o seu avogado foi moi crítico co papel do tribunal que lle xulga e do fiscal que lle acusa.
A sesión deste martes tan só permitiu que os acusados negaran os feitos e expor e resolver as cuestións previas alegadas polo seu avogado e os letrados dos outros catro procesados polo mesmo delito de branqueo de capitais, que piden a nulidade do procedemento e a abstención de dúas dos tres membros do tribunal provincial. Tras escoitar que as súas pretensións caían en saco roto e a Audiencia seguía adiante co xuízo, o avogado do histórico capo, Gonzalo Boye, anunciou aos medios de comunicación que pide a recusación do tribunal.
Ademais, a preguntas da prensa, tamén se mostrou moi crítico co papel da Fiscalía, que neste caso está representada polo fiscal Jesús Calles. Sito Miñanco está acusado xunto á súa filla, Rosa María Prado Pouso; a súa ex muller, María Rosa Pouso Navazas; a irmá desta, Josefa Pouso Navazas; e un suposto home de palla, José Alberto Aguín Magdalena. Sobre a acusación da súa antiga esposa, este letrado considera que a tese do fiscal está "asentada en un machismo brutal".
"¿Por qué la ex mujer de Sito Miñanco tiene que ser la que le blanquea el dinero?. O sea, absurdo. ¿Por qué ella no puede tener actividad empresarial propia o no puede tener una vida propia? ¿Por qué tiene que ser siempre la ex mujer de Sito Miñanco? O sea, a mí me parece que el ministerio fiscal tiene que aclararse en qué siglo vive", declarou Gonzalo Boye ás portas da Audiencia.
No interior da sala de vistas puxéronse sobre a mesa catro motivos polos que esta causa debe ser declarada nula. Os cinco letrados alegan o mesmo, pero o fiscal opúxose a todos eles e o tribunal descartounos tras reunirse a deliberar durante ao redor dunha hora e media.
As catro cuestiones alegadas son que os delitos, no caso de que se produciran, terían prescrito; que se trata dunha causa "prospectiva" que o fiscal creou ad hoc para sentar ao seu defendido no banco; que o tribunal da Sección Segunda non é imparcial; e que hai unha cuestión de competencia mal resolta que motiva que o proceso que se seguiu no xulgado de Cambados debería levarse en Vilagarcía.
En relación coa suposta imparcialidade do tribunal, tanto este letrado como os seus catro compañeiros neste xuízo explicaron que a Sección Segunda da Audiencia xa revisou este procedemento no ano 2011 para adoptar unha decisión sobre a cuestión de competencia exposta despois de que Vilagarcía e Cambados dixesen que non eran competentes e fixar que xulgado debía seguir co caso, o que motiva que dous maxistrados que asinaron esa resolución xa coñecían a causa e non poden ser imparciais.
Respecto diso, o avogado da filla de Sito Miñanco e co acusada, Rosa María Prado Pouso, indicou que "no dudo de la profesionalidad" do tribunal da Sección Segunda da Audiencia, pero pide a nulidade porque "creemos que tenemos derecho a un juzgado imparcial" e, neste caso, "hay contaminación efectiva por haber tenido conocimiento con anterioridad de estas diligencias".
Tras encerrarse a deliberar, o tribunal botou por terra as súas pretensións alegando que os delitos non están prescritos, pero, en todo caso, se manifiestará sobre este particular cando dite sentenza. Sobre a súa posible falta de imparcialidade, asegurou que "no ha mantenido ninguna relación indebida", senón que tan só dictaron un auto resolvendo unha cuestión de competencia no que "no se hizo ninguna valoración del material probatorio que existe en la causa".
"No se aprecia ninguna contaminación objetiva ni subjetiva por parte de los miembros de este tribunal", decidiron. Tras darse a coñecer esta decisión, os avogados formularon protesta e, xa no exterior da Audiencia, Gonzalo Boye criticou que o presidente da sala, Xosé Xoán Barreiro Prado, non quixo dicirlle o nome dos integrantes do tribunal, de modo que descoñecen se están na sala neste xuízo. Dan por feito que si e por iso primeiro na sala pediu a súa abstención á hora de ditar sentenza e logo decidiu elevar esa petición e reclamar a recusación.
Ademais desas catro cuestiones previas, un dos avogados, o da ex muller de Prado Bugallo, María Rosa Pouso Navazas, engadiu que o fiscal do caso achegou ao comezo da vista oral probas documentais das que el non tiña coñecemento, de modo que se xerou certa indefensión. No caso de que o tribunal admítaas, xa anunciou que pedirá a suspensión para poder estudar as novas probas.
Relacionadas:
-
O TSXG rexeita as recusacións de Sito Miñanco e a súa filla contra dous maxistrados da Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco deixa A Lama e trasládano á prisión de Alcalá Meco
Por Natalia Puga |
-
Xuízo contra Sito Miñanco: cando avogado e acusado rivalizan en flashes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden o xuízo contra Sito Miñanco para estudar a posible recusación do tribunal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Un xuízo baixo a sombra de dúas folgas: unha xudicial e outra de fame
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco, en folga de fame na prisión da Lama
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco, ante a Audiencia: enfróntase a seis anos de cárcere por blanqueo
Por Redacción |
-
Sito Miñanco lideraba unha das estruturas narco-criminais máis potentes a nivel mundial
Por Redacción |