Concello e Escola de Restauración traballarán man a man a prol da visibilización do centro
Por Mónica Patxot & Redacción
O Concello e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra traballarán man a man co fin de visibilizar este centro de formación, único en Galicia e do que saen os profesionais que coidan do noso patrimonio.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, recibiu este luns á directora da Escola de Restauración de Pontevedra, Carmen Lorenzo, que chegou ao Concello acompañada pola vicedirectora Andrea Fernández.
Foi un encontro protocolario de presentación no que as dúas partes concordaron na necesidade de dar a coñecer a escola e o traballo que nela se fai. "Interésanos a súa proxección non só en Pontevedra e en toda a provincia senon tamén en todo o país e no conxunto do Estado" subliñou o alcalde.
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais é a única de Galicia e o segundo centro máis antigo do Estado. É un centro "de gran prestixio, un referente no país", sinalou a directora Carmen Lorenzo, que lembrou a loita que manteñen a prol do recoñecemento como grao universitario dos seus estudos.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo de inscrición para participar no IX Encontro de Restauradores
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que Inspección Educativa pretender recortar postos na Escola de Restauración
Por Oskar Viéitez |
-
Lores e Bará plantexan buscar convenios con empresas para estudantes de Restauración
-
Os alumnos de Restauración protestan espidos
Por Oskar Viéitez |
-
Impulsan unha campaña de posta en valor da Escola de Cantería de Pontevedra
Por Redacción |