Impulso á reforma das piscinas de Campolongo: a obra podería empezar este verán
Por Natalia Puga
A tramitación administrativa do proxecto de reforma das piscinas de Campolongo encara a súa recta final. O goberno local aprobou este luns o anteproxecto de explotación e a estrutura de custos da actuación, un trámite que permitiu, de inmediato, comezar co expediente de contratación e barallar unha data xa para a adxudicación da obra: o próximo mes de xuño. Se se cumpren estes prazos, a reforma comezaría durante o próximo verán.
O portavoz municipal, Raimundo González, deu a coñecer este luns os detalles tras a reunión da Xunta de Goberno local e explicou que confían en poder aprobar o expediente de contratación xa a próxima semana para poder empezar a licitación. Eses prazos permitirían adxudicar a obra en xuño, data previa ao fin do contrato actual, de modo que xa non sería necesario prorrogar a concesión.
O anteproxecto que acaba de aprobarse recolle que a empresa que resulta adxudicataria do contrato polos próximos 20 anos fará un investimento nas instalacións de 3,5 millóns de euros e aumentará a superficie actual das instalación de 3.858 a 4.335 metros cadrados.
Entre os requisitos que o Concello de Pontevedra esixirá á empresa que resulte adxudicataria figura a subrogación de todos os contratos actuais das instalacións, máis de 50. Segundo as cifras facilitadas por Raimundo González, hai unha trintena de traballadores a xornada completa e dúas decenas máis con contratos parciais ou para actividades puntuais. A esixencia de que sigan traballando cando se adxudique o novo contrato afectará a todos, independentemente do tipo de relación laboral que teñan.
Este novo trámite chega tras a exposición pública e aprobación do plan de viabilidade das piscinas e confirma as intencións municipais de que este novo contrato permita "facer unha piscina praticamente nova", pois, entre outras actuacións, a zona das piscinas renovarase totalmente, construiranse de novo as pistas exteriores e faranse melloras na accesibilidade e a estrutura.
O proxecto non inclúe canon e, de feito, o Concello mesmo inclúe nas condicións que podería achegar ata un millón de euros "para que en ningún caso o concurso quede deserto". En todo caso, as empresas que reduzan esa achega municipal ou a eliminen terán mellor puntuación.
Relacionadas:
-
Seis empresas, interesadas en reformar e xestionar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello agarda "moi boas ofertas" para explotar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O PP di que o goberno local presentou o mesmo anteproxecto do PSOE para as piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
O anteproxecto das piscinas de Campolongo propón unha "revolución total"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello confía en que a reforma das piscinas de Campolongo estea lista no 2018
Por Alejandro Espiño |