A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presidiu este luns a constitución da Mesa do Turismo. Asistiron ao acto alcaldes de municipios catalogados de interese turístico, entidades supramunicipais, representantes do sector privado e organizacións de formación turística.
No Plan Estratéxico de Turismo, recentemente aprobado, contemplábase como unha liña de traballo a creación desta mesa na que tiñan que participar todas as administracións públicas e o sector privado, e que se marcaría como obxectivos acordar as accións relacionadas coa posta en valor deste motor económico que supón o 11% do Produto Interior Bruto (PIB) galego.
Segundo explicou Carmela Silva, neste encontro, celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial, constituíuse esta mesa e informouse "de como queremos que funcione". Propúxose que estea conformada por 20 persoas e tamén se adiantaron os "elementos para ir desenvolvendo de cara ao 2020", que é o prazo de tempo marcado por esta folla de ruta que é o Plan Estratéxico.
Silva tamén informou que na reunión deste luns mostróuselles aos membros da mesa "cales son os indicadores que van ir avaliando todos os acordos que se poñan en marcha" e finalmente informouse das promocións en marcha, das 263 empresas con certificado de calidade SICTEC e da presenza en feiras e certames "máis relevantes" (Madrid, Barcelona, Porto, Lisboa, entre outros) e do contido da Gala do Turismo que se vai a celebrar este mércores 28 de febreiro no Auditorio do Mar na cidade de Vigo.
Ademais, a presidenta deu conta á mesa da aprobación no pleno provincial da ordenanza que vai regular o funcionamento das oficinas de turismo na provincia para que poidan ter financiamento da Deputación de Pontevedra e conten con especialistas en turismo traballando nelas. Para iso será necesario que o Concello que as acolla asuma unha serie de compromisos de calidade respecto de localización, mobiliario, equipamento tecnolóxico ou mesmo a distribución de espazos, entre outros requisitos.
Durante a reunión entregouse aos participantes unha copia dun proxecto de regulamento para que no prazo de dez días fagan as alegacións que consideren.
Entre outros aspectos proponse que a presidenta da Deputación asuma tamén a presidencia deste órgano do que tamén formarían parte outros tres membros da administración provincial, unha persoa en representación da Xunta e outra do Estado, sete persoas do sector público da provincia, un representante da cidade de Pontevedra e outro de Vigo, dous representantes dos municipios declarados de interese turístico, un dos destinos adheridos ao SICTED, dous por parte das entidades supramunicipais, unha persoa dos Grupos de Acción Local participativo do sector pesqueiro, outra persoa en nome das mancomunidades, tres representantes do ámbito académico e universitario vinculado ao turismo, un representante do aeroporto de Peinador e tres do sector privado (Clúster de Turismo, Federación provincial de Hostalería e Ruta do Viño Rías Baixas).
Relacionadas:
-
A promoción turística da provincia desembarca en Madrid da man de Carmela Silva e Xabier Fortes
Por Redacción |
-
Carmela Silva aposta polo turismo sustentable ante a Fundación Goberno e Democracia Local
Por Redacción |
-
Unha aplicación móbil servirá como guía turística para os que visiten Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo superou o novecentas mil pernoitas hostaleiras en 2017
Por Redacción |
-
A Deputación organiza as rutas gratuítas "Camelias e xardíns históricos"
Por Oskar Viéitez |
-
Fronte común das vilas termais para atraer turistas ás Rías Baixas
Por Redacción |
-
As Rías Baixas van promocionarse fóra de Galicia a través das súas festas máis relevantes
Por María López Verdial & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva celebra a "acollida espectacular" en Fitur da campaña "Somos historias"
Por Oskar Viéitez |
-
Así é a curtametraxe que promociona as Rías Baixas en Fitur tocando "o máis fondo dos sentimentos"
Por Oskar Viéitez |