Ponte Caldelas amplía un camiño na Insua para que accedan os camións
Por Redacción
A ampliación dunha estreita curva en forte pendente servirá para que os camións poidan acceder sen problema á zona da parroquia de A Insua onde se sitúa a Hípica Amazonas.
Os operarios municipais aproveitaron os sobrantes de terreos existentes a ambos lados para ampliar o radio da curva e a recta seguinte. O terreo quedou xa preparado para o asfaltado nun tramo que, aínda que non chega aos 100 metros, supón unha importante mellora para a mobilidade dos vehículos pesados.
O goberno local destaca a importancia de mellorar o acceso a esta zona, pois é dos poucos lugares do municipio que poden ser utilizados para o almacenamento vixiado de material.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras e lembrou que as inmediacións da Hípica utilizáronse como espazo loxístico para as tres reparticións de forraxe solidario realizados tras os incendios forestais do pasado 15 de outubro.
A existencia dunha ampla superficie, a dispoñibilidade de espazo para operar con maquinaria e a vixilancia que se presta dende a propia hípica fixeron que se optara por este lugar.
Non obstante, os camións de gran tonelaxe tiñan serias dificultades para acceder. A forte pendente, combinado co radio do xiro, tiñan provocado máis dun incidente que, nalgún caso, mesmo obrigou a remolcalos. Agora este problema queda solucionado.