Un domingo perfecto para "patear" e "tapear" entre Barbudo e Anceu
Por Redacción
Unha andaina duns dez quilómetros entre Barbudo e Anceu. Foi a proposta que completaron as persoas participantes na segunda ruta do programa Patea Tapea, organizado polo Concello de Ponte Caldelas.
O percorrido permitiu visitar lugares moi fermosos que foron acondicionados polos operarios do Concello nas últimas semanas, especialmente o camiño do Rego Basteiros, cuxa beira estaba completamente limpa e idónea para o tránsito dos participantes.
A pesar dalgunhas bolsas de auga que aínda quedaban no terreo, o bo tempo acompañou cunha mañá espectacular.
O percorrido partiu de Barbudo, con subida á montaña do Coto Grande, a beira do Castro de Barbudo, nas estribacións do Catadoiro ata alcanzar a pista que vai á Esfarrapada.
Antes de chegar a este núcleo, a andaina cortou pola valgada do Rego do Torno ata a do Rego Basteiros onde seguiu á súa beira por un fermoso bosque de ribeira, ata atopar o Camiño Real, que conduce a Anceu. Dende alí proseguiuse pola pista asfaltada a rentes do encoro de Eiras ata chegar de novo a Barbudo.
O tapeo final foi no bar de Barbudo, onde os participantes puideron gozar coas súas bebidas de tapas de ameixas, orella e tamén tortilla.
Relacionadas:
-
Domingo de bo tempo para tapear e camiñar por Tourón
Por Redacción |
-
Máis de cen persoas celebraron o bo tempo cunha andaina por Taboadelo
Por Redacción |
-
Familias relacionadas coas asociacións Amencer e Xuntos súmanse a Patea Tapea
Por Redacción |
-
As andainas de Ponte Caldelas atraen a camiñantes doutros puntos da comarca
Por Redacción |