Arxentina multa con 400.000 euros ao barco apresado por pesca ilegal
Por Redacción
Dez millóns de pesos, o equivalente a uns 400.000 euros. É a cuantiosa sanción económica que Arxentina impuxo á armadora do Playa Pescamar Uno, o barco de Marín que foi apresado polas autoridades o pasado 4 de febreiro acusado de pescar ilegalmente en augas do país suramericano.
A sanción, que adiantou o xornalista Adrián Amoedo en Faro de Vigo, é a sanción máis alta que contempla a lexislación arxentina. Iso si, a armadora Pesquerías Marinenses abona a multa no próximos dez días esta reducirase nun 25%.
O subsecretario arxentino de Pesca, Juan Manuel Bosch, indicou que ademais desta cantidade, a empresa deberá abonar outros 556.107 euros polas máis de 330 toneladas de peixe que o buque levaba a bordo cando foi apresado.
No caso de que a armadora non queira pagar ese diñeiro, a carga será comisada e podería ser poxada en Arxentina.
O Playa Pesmar Uno, que permanece amarrado desde o seu apresamento no porto de Comodoro Rivadavia, atribuíu este incidente inicialmente a un erro das autoridades aínda que terminou por recoñecer que o problema se produciu polo erro dun dos navegadores GPS vía satélite.
O buque estivo a faenar, segundo o parte da Prefectura Naval arxentina, unhas dúas horas a unhas 0,4 millas augas dentro da zona económica exclusiva de Arxentina.
No momento da captura, sinala o mesmo documento, o barco levaba na súa adega 154 toneladas de pescada, 129 toneladas de marujito, 48 toneladas de lura, 4 toneladas de abadexo, case 2 toneladas de raia e diferentes cantidades de atún e brótola.
Relacionadas:
-
Arxentina apresa un pesqueiro de Marín por faenar "ilegalmente"
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada