Máis de 161.000 euros para remodelar a área infantil do parque Eguren
Por Redacción
A área infantil do parque Eguren, unha das zonas de xogos máis empregadas polos nenos e nenas de Marín, será remodelada de forma íntegra. O goberno municipal xa traballa na tramitación dun proxecto que conta cun orzamento de 161.472 euros.
A actual zona de xogos, próxima á esquina conformada polas rúas Concepción Arenal e Ezequiel Massoni, presenta un mal estado de conservación e quedou desfasada tanto polas súas dimensións como pola tipoloxía e calidade dos elementos instalados.
Actuarase sobre un espazo duns 290 metros cadrados. A actuación, ademais da substitución dos xogos, inclúe un novo peche perimetral, a renovación do actual pavimento de caucho e a instalación dun panel informativo.
O parque contará cunha randeeira con cadeira e cadeira-rede, unha randeeira de dous asentos, un muelle de aceiro, unha pirámide giratoria formado por mastro e plataforma e un equipo combinado con dúas estruturas de escalada, rede, ponte e dous tobogáns a distintas alturas.
Esta renovación do parque representa unha mellora importante para os usuarios, fundamentalmente os nenos, que poderán dispoñer dunha nova área de esparexemento nunha zona moi concorrida do centro urbano de Marín e gozando dun espazo máis seguro, cómodo e agradable.
No seu interior á parte da zona de xogos que se pretende renovar, existen pistas deportivas que foron remodeladas totalmente no pasado mandato, conseguindo recuperar un excelente espazo deportivo ao aire libre.
Ademais desta remodelación que se inclúe dentro deste proxecto, tramítase igualmente o cambio de luminarias, a mellora da iluminación e a eficiencia enerxética neste parque.