Educación licita a reforma integral do colexio Alfonso VII de Caldas
Por Redacción
A Consellería de Educación licita a obra de rehabilitación enerxética do CPI Alfonso VII, de Caldas de Reis, por un importe de 632.300 euros e un prazo de execución de dous meses e medio, tal como publica este venres o Diario Oficial de Galicia.
O director xeral de Centros da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, e mailo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, visitaron este venres o centro, no que explicaron que os traballos que se van levar a cabo supoñen unha reforma integral.
Serán melloras enerxéticas e funcionais co obxectivo de ofrecer unha maior confortabilidade aos usuarios ao tempo que acadan un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.
Logo do estudo enerxético realizado pola Consellería, detectáronse unha serie de deficiencias relativas á filtración de aire na envolvente do edificio, de humidades nas ventás e nas caixas das persianas e de baixa iluminación natural nas aulas que xustifican dita intervención.
A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER- afectará ás fachadas, baixocuberta, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento térmico da fachada exterior, o illamento de forxado no baixo cuberta, a renovación das actuais ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.
Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 29%. Tamén se procederá á reparación e pintado de paramentos interiores.