Marín aproba en pleno os pregos que regulan a nova concesión da piscina municipal
Por Oskar Viéitez
O pleno do Concello de Marín aprobou este venres os pregos que regulan a nova concesión da piscina municipal cos votos favorables do equipo de goberno do Partido Popular, a abstención do PSdeG-PSOE e o voto en contra do BNG e de Marea.
Na exposición do seu contido, o concelleiro delegado de deportes, Antonio Traba, informou do estudo económico encargado a un grupo de profesores do Departamento de economía e finanzas da Universidade de Vigo.
Os pregos contemplan que o prazo da concesión será por 5 anos sen posibilidade de ningunha prórroga. Tamén se fixan as tarifas que deberán ser abonadas polos usuarios así como o canon mínimo de 1.200 euros que o concesionario deberá satisfacer á administración. Á concesionaria esíxeselle unha capacidade e solvencia económica.
Entre os criterios que se valorarán para a súa posterior adxudicación están a redución de tarifas aos usuarios ou a exención de matrícula a determinados colectivos como as familias numerosas, terceira idade ou colexios.
Durante o debate plenario o BNG presentou emendas que foron rexeitadas, entre outras, o goberno local sostivo que non había necesidade de pedir contas á empresa para garantir que os 20.000 euros de subvención entregaránselle no caso de que non existan ganancias.
En canto ao persoal, Traba recoñeceu que haberá despedimentos no caso de que baixe o número de usuarios actual, algo que o Bloque considera que sucederá cando se abra a piscina de Bueu.
Relacionadas:
-
Marín dá os últimos pasos para as concesións do bar de Portocelo e a xestión da piscina municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Inician os traballos de mellora dos accesos á piscina municipal de Marín
Por Redacción |
-
Marín recibirá máis de 400.000 euros da Deputación para obras e emprego
Por Oskar Viéitez |
-
Marín prepara unha nova concesión para a piscina municipal
Por Oskar Viéitez |