En suspenso a ITV de fachadas
Por Oskar Viéitez
Os técnicos municipais reformarán a Ordenanza para a Inspección Técnica de Edificios para adaptala aos cambios normativos introducidos no Plan Estatal de Vivenda, que se atopa en fase de tramitación parlamentaria.
Esta normativa, dixo o concelleiro de urbanismo do Concello de Pontevedra, Antón Louro, deixa en suspenso todas as ordenanzas que se estaban aplicando desde 2011.
Louro compareceu este martes en rolda de prensa para informar dos asuntos tratados na comisión de urbanismo na que alertou da rebaixa nun 68% na achega económica que viña prestando a Xunta ao financiamento da oficina do Área de Rehabilitación Integrada (ARI) de Estribela.
O ARI é un plan de axudas e subvencións ás que optan os propietarios dos inmobles de Estribela que están interesados en recuperar estes edificios.
O edil socialista deu conta da notificación oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo na que informa ao goberno pontevedrés da rebaixa nos 80.000 euros aportados para o mantemento deste servizo durante 2012, e que agora se reducen ata os 25.800 no presente exercicio.
Unha arquitecto, un aparejador e un auxiliar administrativo traballan actualmente nesta oficina que ten un custo anual de 146.000 euros. Agora o goberno municipal estudará como afrontar o seu financiamento.
O responsable de urbanismo Antón Louro sinalou que a débeda da Xunta co Concello de Pontevedra ascende a 211.000 euros pola segunda e terceira fase do ARI de Estribela.
O tenente de alcalde Antón Louro, fixo extensiva a súa preocupación ante o atraso que acumulan Xunta e Goberno Central nos trámites da Área de Rehabilitación Integral do casco histórico de Pontevedra.