Sanxenxo contratará un total de 43 persoas a través do Plan Concellos
Por Redacción
O goberno de Sanxenxo enviou á Deputación de Pontevedra a solicitude para poder contratar un total de 43 persoas, a través do Plan de Obras e Servizos, do Plan Concellos.
Así pois, as 43 persoas que se contratarán ao amparo desta liña, serán para os ámbitos municipais de servizos administrativos, parques e xardíns, limpeza de praias e espazos públicos.
Concretamente contrataranse a 37 peóns, cun contrato de 6 meses de duración, a 5 auxiliares administrativos, cun contrato de 10 meses de duración e a 1 auxiliar administrativo, cun contrato de 2 meses de duración.
Dentro dos servizos administrativos, os traballadores realizarán, entre outras, tarefas de atención cidadá de carácter informativa de eventos, servizos, organismos e funcionamento do Concello, domiciliación de impostos, notificacións, trámites catastrais, certificados de empadroamento, modificación de datos, así como outras materias relacionadas coa xestión de arquivo de documentos.
O contrato dos 43 traballadores supoñerá un investimento total de 266.142 euros, dos cales 259.000 euros serán financiados polo organismo provincial e a cantidade restante asumirase con fondos propios municipais.
O plan de emprego incluído na liña 3 do Plan Concellos, é unha medida que permite a contratación de persoas desempregadas, que non estean a recibir prestacións e poidan ter así unha oportunidade de adquirir experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo.