Carmela Silva: "Eu vou facer o paro o día 8 de marzo"
Por Oskar Viéitez
O próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o movemento feminista co apoio de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais convoca unha folga xeral das mulleres ao longo e ancho da nosa xeografía.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este xoves que "eu vou facer o paro o día 8 de marzo" e fixo un chamamento: "pídolle a todas as mulleres pontevedresas que o día 8 de marzo paren" para reivindicar un novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.
Nunha rolda de prensa a presidenta da administración provincial denunciou as desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofre máis da metade da poboación mundial, as mulleres.
"Non hai dereito a que teñamos esta brutal brecha salarial", afirmou Carmela Silva respecto ás desigualdades estruturais que padecen as mulleres en todo o mundo, onde gañan só entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos de igual valor.
E, por se faltaban argumentos, a presidenta da Deputación se fixo eco dos últimos datos aportados polos sindicatos:
- Actualmente en Galicia hai 48.900 mulleres menos que homes incorporados ao mercado laboral
- Tres de cada catro contratos parciais son desempeñados por mulleres: o 77.3%
- A taxa de desemprego é 1.4 puntos maior entre mulleres que entre homes na comunidade galega
- En Galicia, a fenda salarial é dun 22%. Para percibir o mesmo salario que os homes as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis.
- A fenda salarial en Galicia é 0.17 puntos superior á do ano 2010.
- No caso das pensións a fenda en Galicia achégase aos 40 puntos, 5.556,74 euros menos ao ano.
- As mulleres galegas perciben a pensión de xubilación máis baixa de todo o Estado.
- Galicia é a 5ª autonomía co salario medio anual feminino máis baixo.