Cerdedo-Cotobade estrea páxina web
O proceso de fusión municipal de Cerdedo-Cotobade está a concretar os seus últimos detalles. Como unha das medidas finais para a unificación, o Concello presentou a súa nova páxina web, que promete ser un medio de contacto co cidadán.
Jorge Cubela e José Balseiros, presidente e vicepresidente municipais, presentaron este 22 de febreiro o novo portal, froito dun proceso de combinación dos contidos das antigas webs existentes antes da unión.
Ademais dos servizos de atención ao cidadán, a web ten como obxectivo a difusión dos valores turísticos do novo municipio, e está adaptada para a súa visualización en dispositivos móbiles e tablets, contando, así mesmo, cunha sede electrónica para facilitar aos veciños os trámites e xestións municipais.
O Concello de Cerdedo-Cotobade transmitiu a súa intención de transparencia coa posta en marcha deste novo mecanismo, definíndoo como unha ferramenta de "e-administración". Nel, afirman dar cumprimento a todas as esixencias lexislativas, normativa municipal, campañas en marcha, axenda e distintas formas de contacto coa administración local.
No portal web tamén se recolle información turística sobre puntos de interese do municipio, gastronomía, actividades de lecer e valores naturais e patrimoniais. A localización, acceso ao municipio, aloxamentos e restaurantes son outros dos apartados recollidos.