Bueu poñerá en marcha un novo servizo de atención psicolóxica ao menor
O departamento de Benestar Social do Concello de Bueu poñerá a disposición dos menores un novo servizo de atención psicolóxica. Estará activo durante cinco meses, de febreiro a xuño.
O programa baséase en ofrecer apoio aos menores en situacións conflitivas, atendendo tamén á súa contorna familiar. Para favorecer o seu desenvolvemento, establecerase unha coordinación entre o departamento de Benestar, os centros educativos, de saúde e outros profesionais do ámbito. Grazas a iso, poderanse ofrecer servizos de reorientación académica e profesional.
O servizo está subvencionado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Xunta de Galicia.
Doutra banda, o concello de Bueu tamén ofertará un curso para a preparación da proba de acceso aos ciclos medios. Impartirase na sala de usos múltiples do CEIP A Pedra, os martes e os venres de 18:30 a 20:30 horas.