Cidadáns reclama a dotación de máis efectivos policiais en Pontevedra
Por Redacción
María Rey, portavoz de Cidadáns, presentaba este mércores unha moción para que no próximo pleno se apoie a petición de máis efectivos policiais para Pontevedra, ademais da dotación dunha unidade de Prevención e Reacción (UPR).
A concelleira presentaba esta proposta apoiada por representantes do sindicato policial UFP, que demanda estas melloras en redes sociais a través do hashtag # UPRparaPontevedra.
A UPR é unha unidade que intervén en casos de grandes aglomeracións de xente para evitar que se rexistren actividades delituosas, ademais de dar cobertura en operacións especiais como sería o caso da desaparición de Sonia Iglesias, segundo sinalaba Agustín Vigo, portavoz galego de UFP (Unión Federal de Policía).
Esta unidade con sede na capital tamén daría apoio ás comisarías de Vilagarcía e Marín. No caso da vila marinense están a rexistrarse casos de traslados de detidos a Pontevedra por falta de persoal de custodia.
María Rey indicaba que Mariano Rajoy, presidente do Goberno, parece descoñecer que Pontevedra é unha capital de provincia e que se merece unha serie de dotacións.
En Pontevedra, as prazas asignadas para funcionarios policiais en función do número de habitantes son 262, das que están cubertas 192, por tanto son 70 funcionarios policiais menos dos necesarios para garantir a seguridade da poboación, indicou a concelleira de Cidadáns. A creación da UPR serviría para paliar esta falta de efectivos xa que supoñería unha dotación mínima de 30 funcionarios.